Ineo asesorou a preto de 580 empresas da nosa terra nos seus procesos de dixitalización

xoves, 14 de xullo do 2022 S. P.

Ineo, a asociación galega de empresas TIC da nosa terra que preside Luis Sestelo, fixo balance da actividade xerada a través da súa Oficina Acelera PEME (OAP), posta en marcha en colaboración coa entidade estatal Red.es. Segundo fixo saber Ineo, a través deste servizo asesorouse no últimos nove meses a un total de 578 empresas para “fomentar o proceso de dixitalización”. Isto concretouse en labores de apoio, orientación e impulso de transformación dixital ao servizo das empresas galegas. A OAP de Ineo habilitouse o pasado mes de setembro.
A través da oficina, a asociación promoveu nos últimos nove meses diversas xornadas de dinamización tecnolóxica e 32 obradoiros para a sensibilización e demanda de tecnoloxía. Un total de 1.963 persoas inscribíronse até o momento nestes talleres cuxos obxectivos pasan pola mostra de solucións tecnolóxicas dixitais, casos de éxito de dixitalización, explicación de axudas e subvencións para a implantación de tecnoloxía ou calquera temática para unha empresa que teña interese en levar a cabo un proceso de transformación dixital.
Ineo, amais de despregar unha ampla actividade desde a Oficina Acelera PEME, tamén está a destinar unha especial atención na tracción de Fondos de Recuperación (Next Generation) para o sector TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) en Galicia. Entre os programas enmarcados nestes fondos atópase o Kit Dixital.
Como axente dinamizador de negocio, a asociación conseguiu a través da súa Oficina de Proxectos promover iniciativas e programas por valor de 766.847 euros que repercutiron directamente nas súas empresas socias. “Esta cifra”, imnformou Ineo, “pon de manifesto o importante retorno que recibe o conxunto do noso corpo asociativo”. Ademais, no ámbito laboral, o programa integral de emprego executado por Ineo incluíu un total de 75 accións colectivas de formación e capacitación, superou as 2.400 horas de formación e propiciou máis de 460 sesións individuais de orientación laboral. O 64% dos seus participantes atopou traballo durante o programa, xa que se xeraron 70 ofertas laborais grazas ás sinerxías establecidas entre Ineo e máis de 50 empresas.

PUBLICIDADE