Inaugúrase o Meeting Blog, un espazo para avaliar a influencia dos novos medios

venres, 24 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

Os blogueiros do panorama estatal teñen hoxe unha cita que lles toca de preto: Meeting Blog ’08. O evento, que se está a celebrar en Xaén (máis en detalle na súa Biblioteca Provincial), participa dunha boa parte das características dun blog en si mesmo, pero en clave colectiva: entradas, comentarios, achegas de todas as partes e unha vontade de relatar acontecementos dende un punto de vista persoal. Ou sexa, que do que se trata, unha vez máis, é de facer compatible o colectivo co individual arredor do fenómeno dos cadernos en liña.
O evento, que conta coa participación de especialistas nestas novas canles de comunicación dixitais como Luis Collado (director de Google Books España) ou Fernando Ortega (escritor e blogueiro), está programado para tomar boa nota dos cambios que a nova Internet, a participativa, está a sufrir arestora.
Asemade, a idea é valorar até que punto os blogs, os wikis e as redes sociais poden mellorar o noso xeito de vida e, xa a un nivel máis xenérico, as condicións sociais e económicas do mundo. Por certo que o escenario está habilitado dun sistema Wi-Fi de acceso á Rede, co fin de que os participantes poidan dar conta en tempo real do que está a acontecer nesta xornada.

PUBLICIDADE