Inaugurado na Coruña o Festival Mundos Dixitais 2008

luns, 30 de xuño do 2008 Raquel Noya

Mundos Dixitais, o Festival Internacional de Animación, Efectos Especiais e Videoxogos máis interactivo, vén de dar o pistoletazo de saída da súa VII edición, que se desenvolve na cidade da Coruña dende hoxe ata o vindeiro día 5 de xullo.
Entre outras cousas, este evento achegará á cidade herculina un total de 216 curtametraxes procedentes de 35 países así como a entrega dos Premios 3D Awards (coñecidos como os Óscar da infoarquitectura) e distintos obradoiros e conferencias sobre a creación dixital que inclúen as temáticas do cine de animación, os efectos especiais e os videoxogos.
Ao igual que en edicións anteriores, Mundos Dixitais permitirá, este ano, un achegamento ás últimas novidades dunha industria que medra a pasos axigantados e que esperta cada vez máis interese entre distintos sectores do mercado.
A xornada de hoxe, que como as demais se desenvolverá na Sede da Fundación Caixa Galicia, estará dedicada á Arquitectura Dixital e contará cos relatorios de varios profesionais deste eido tales como Ximo Peris de Smoothe, Gustavo Capote de Neoscape ou Kim Baumann Larsen de Placebo Effects.
O programa, que se pode consultar nesta ligazón, inclúe o Concurso de visualización arquitectónica 2008 organizado por Mundos Dixitais e a Cerimonia de entrega dos 3D Awards de Arquitectura, a partires das 18:30 horas. Estes galardóns, que organiza a firma CGArchitect, son os máis importantes neste campo a nivel mundial e este ano establece dúas categorías: foto e animación.
O público será o encargado de escoller os mellores traballos para cada categoría e os gañadores recibirán cadansúa “Torre de Hércules”, a imaxe escollida para os trofeos co gallo da súa candidatura a Patrimonio da Humanidade.

PUBLICIDADE