Importante participación das PEME galegas na 2ª convocatoria do programa FEDER-INNTERCONECTA

xoves, 18 de abril do 2013 Redacción

No Consello da Xunta celebrado esta mañá en San Caetano deuse conta dun informe que recolle a participación galega na segunda convocatoria do programa FEDER-INNTERCONECTA, do que vén de rematar o seu prazo de solicitude, recibíndose achegas de 524 empresas galegas integrando 119 proxectos de innovación, o que supón un incremento do 30% no número de propostas con respecto á convocatoria anterior. Esta convocatoria está dotada con 75 millóns de euros e permitirá mobilizar 150 millóns de euros entre investimento público e privado.
A metade das empresas participantes nos consorcios que presentaron proxectos son pequenas, e un 70% estarían no rango de PEME, elevada porcentaxe que é posible grazas ao esforzo da Xunta por achegar as condicións de acceso á realidade do tecido empresarial galego. Ao achegaren a Xunta o 20% das axudas, a contía mínima dos proxectos puido rebaixarse a 1,5 millóns de euros dende os 5 millóns previstos inicialmente pola Unión Europea.
A través desta segunda fase do INNTERCONECTA impulsaranse proxectos centrados, maioritariamente, en seis áreas estratéxicas da economía galega, das que o 23% correspóndese coas Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC). Así mesmo, o programa, impulsado pola Axencia Galega de Innovación en colaboración co Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), suma 297 participacións de organismos de investigación, cuxa porcentaxe con respecto ao orzamento total dos proxectos presentados elévase ao 19%.
As solicitudes presentadas estanse comezando a avaliar, e está previsto que en arredor de tres meses se coñezan os beneficiarios. Os proxectos teñen que acreditar unha duración de dous anos e ser executados por consorcios formados por entre tres e dez empresas, cun mínimo do 15% do orzamento reservado para a subcontratación de centros tecnolóxicos e de investigación.

PUBLICIDADE