Igaciencia lanza o primeiro número de Labirinto Dixital, dedicado ao software libre

mércores, 25 de setembro do 2013 Fernando Sarasketa

A plataforma-asociación Igaciencia, da que temos falado para dar conta das súas actividades de divulgación arredor da investigación e a tecnoloxía (como por exemplo o segundo Congreso de Software Libre para a Educación, celebrado recentemente en Santiago), ten entre mans outra interesante iniciativa de tipo informativo e formativo, desta volta sen os inevitábeis límites de tempo e espazo que achega un congreso. Falamos do primeiro número da Revista Labirinto Dixital, que xa podemos ver na web de seu e centra a súa temática no achegado polos participantes e relatores á devandita xuntanza sobre programación aberta (a primeira edición, a de Lugo). Por certo que segundo nos conta Igaciencia, en breve poderemos ter acceso ao segundo número desta publicación en liña, a referente ao evento de Santiago.
A idea da revista, cóntanos Manuel Diaz Regueiro (de Igaciencia) é permitir que as contribucións aos congresos sexan “perfectamente accesíbeis vía web, sen traba algunha, estando a disposición do profesorado galego coas últimas tecnoloxías educativas aplicadas á docencia e, ademais, libres”. O contido da revista número un (cada artigo en formato pdf) é o seguinte:
· Moodle e Exelearning na área de tecnoloxía de Pilar Anta Fernández
· Obradoiro para coñecer e introducirnos no manexo de eXeLearning de Pilar Anta Fernández
· Metodoloxía copyleft en educación de Xosé Luís Barreiro Cebey, Pablo Nimo Liboreiro
· Competencia matemática e Geogebra: representar de Inés Ben González
· R na Bioinformática de Miguel Blanco Vázquez
· O silencioso dominio do Software Libre de Roberto Brenlla
· Como crear vídeos interactivos en Youtube: un exemplo a partir dos recursos da canle educaBarrié de Xacobo de Toro Cacharrón, Susana Vázquez Martínez
· As anotacións en YouTube. Exemplos educativos de Xacobo de Toro Cacharrón
Python e Geogebra de Manuel Díaz Regueiro
· Localización de Software Libre ao galego de Enrique Estévez Fernández, Antón Gómez Méixome
· Software Libre aplicado á simulación e modelización nas PEMEs produtoras de Dr. Andrés Gómez Tato
· Estatística con R de Salvador Naya Femández
· Unha ferramenta de software libre para a formación en ciencias: EpiLinux de Miguel Ángel Rodríguez Muíños
· Interfaces web a software científico de Mario Rodríguez Riotorto
· Maxima, un sistema aberto de cálculo simbólico de Mario Rodríguez Riotorto
· Compartición e colaboración: aproveitando a Web 2.0 de Luís Vázquez López

PUBLICIDADE