INTECO porá en marcha un observatorio co fin de vixiar que as webs do Estado son accesibles para tódolos cidadáns

martes, 24 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Conseguir que Internet sexa como un espazo de aprendizaxe e comunicación onde tódolos asistentes teñan as mesmas posibilidades de ler e escoitar, ou de (en caso de preferilo) nin escoitar nin ler. É dicir: do que se trata é de que se lle permita a tódolos cidadáns ter a liberdade de elixir entre emprestar atención ou, pola contra, botar unha soneca
Porén, moitas persoas con discapacidades non dispoñen desa capacidade de manobra, ben porque unha boa parte das webs son como longas escaleiras por onde dificilmente discorre unha cadeira de rodas, ben porque non dispuxeron das axeitadas actividades formativas.
O caso é que aínda queda moito por facer, se é que en realidade se pode dicir que se fixera algo, e para revisar se o que se fai é correcto (sobre todo no sector público) é polo que se vai abrir o Centro de Referencia en Accesibilidade e Estándares web. O promotor desta iniciativa, que supervisará a accesibilidade e o cumprimento de patróns en trinta portais da Administración do Estado, é o Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO), a través da Fundación CTIC, institución que alberga a delegación española do Consorcio Mundial de Internet (W3C).
Segundo informa INTECO, estaríamos ante un centro integrado por 14 técnicos especializados no desenvolvemento de páxinas en Internet e por un Observatorio de Accesibilidade Web que (como dixemos ó principio) estude polo miúdo se as web auditadas son cen por cen navegables ou non para tódolos cidadáns: ou sexa, se cumpren coas normas do W3C e da Lei de Servizos da Sociedade da Información, entre outras.

PUBLICIDADE