Humble Bundle estrea un lote de xogos de Neo-Geo adaptados a Android

martes, 21 de xullo do 2015 Marcus Fernández

SNK Playmore, querendo contribuír coa Cruz Vermella americana decidiu lanzar o Humble NeoGeo Mobile Bundle, un impresionante lote dos seus máis populares xogos de recreativa nas súas versións para Android, para que os usuarios de dispositivos móbiles poidan recrear as súas experiencias de xogo e incluso render homenaxe á clásica máquina Neo-Geo, xa que os usuarios que realicen unha achega de a partires de 29,99 dólares recibirán no mes de outubro unha camiseta baseada no xogo Metal Slug que busca homenaxear o 25º aniversario da plataforma de máis éxito nos salóns recreativos durante a década dos 90.
Os usuarios que paguen a partires dun dólar poderán facerse cos xogos para Android Metal Slug X, Metal Slug 2, The King of Fighters ’97, Blazing Star e Garou: Mark of the Wolves; e os que paguen máis da media (4,68 dólares no momento de escribir estas liñas) recibirán tamén Metal Slug 3, Samurai Shodown II, Fatal Fury Special e algún xogo máis que se irá introducindo no lote nos vindeiros días. Normalmente estes xogos terían un prezo superior aos 23 dólares, pero con esta campaña os propios usuarios poden decidir canto pagar, facéndose así cunha copia dos xogos libre de DRM e contribuíndo a unha causa solidaria.

PUBLICIDADE