High Voltage podería crear «xogos de alta calidade» para Wii

martes, 4 de novembro do 2008 Marcus Fernández

A primeiros de 2009 chegará para Wii o xogo The Conduit de High Voltage, que destacará porque os seus responsables están a desenvolver un motor gráfico que tire proveito da capacidade do hardware da Wii, de xeito que deixe de verse coma unha Gamecube cun mando sensible ao movemento, e as súas posibilidades gráficas se comecen a facer visibles.
Quitando a calidade que poida ter The Conduit, resulta interesante saber que os creadores do xogo pretenden rendibilizar o motor gráfico creado para máis xogos, e nunhas declaracións a WiiRInControl un dos responsables de High Voltage, Eric Nofsinger, asegurou que poderían desenvolver pronto un RPG para a Wii, e tamén incide no feito de que haxa poucos títulos para hardcore gamers na consola doméstica de Nintendo, polo que poderían traballar en cubrir ese espazo deixado por certos xéneros infra-representados no catálogo da Wii.
Entendemos así que High Voltage non se quere limitar a seguir a corrente de creación de xogos sinxelos dirixidos a un grande público, e prefire gañarse ao público máis tradicional das consolas de videoxogos facendo «xogos de alta calidade».

PUBLICIDADE