HackForGood volve a Vigo os días 25, 26 e 27

xoves, 11 de febreiro do 2016 Redacción

A Universidade de Vigo acollerá a celebración de HackForGood, iniciativa de Telefónica que alcanza este ano a súa cuarta edición, os vindeiros días 25, 26 e 27, co obxectivo de xuntar hackers na procura de aplicacións tecnolóxicas que contribúan a crear un mundo mellor a través do uso dos datos xerados na contorna dixital (Big Data).

Da man da Escola Técnica Superior de Telecomunicación da Universidade Politécnica de Madrid, a Fundación Hazloposible e a startup MashmeTV, e co apoio da Rede de Cátedras Telefónica (entre elas, a cátedra Telefónica da Universidade de Vigo, dirixida polo catedrático José Cidrás), HackForGood premiará aos equipos que desenvolvan as mellores aplicacións tecnolóxicas en Vigo, Madrid, Barcelona, Valencia, Alacante, Murcia, Cidade Real, Sevilla, Málaga, Las Palmas de Gran Canaria, Cáceres, Salamanca, Valladolid e León.

Na primeira parte do evento terá lugar, de forma simultánea en cada unha das catorce sedes, o Startups University Day, no que se presentarán as mellores prácticas de emprendemento en cada unha das 20 universidades participantes. Posteriormente haberá unha presentación global por videoconferencia con conexión de todas as sedes. Na segunda parte do evento os equipos desenvolverán aplicacións e solucións aos retos expostos, valorándose a formación de grupos multidisciplinares que inclúan todos os perfís necesarios para o desenvolvemento de servizos e aplicacións -técnicos, deseñadores, informáticos, sociólogos, enxeñeiros, emprendedores sociais e persoas do ámbito social...

Vía web todas as persoas e organizacións interesadas poden propor retos así como acceder aos retos que xa foron propostos como, por exemplo:
- Crear unha aplicación que a partir das fontes de datos abertas dos concellos facilite aos cidadáns o goce dunha cidade mellor
- Desenvolver unha lonxa ou marketplace de produtos de agroecología
- Construír unha aplicación móbil para conectar a persoas que queren facer voluntariado coas necesidades das entidades sociais
- Deseñar un sistema para reducir a contaminación atmosférica nas cidades

Quen achegue solucións a eses retos poderán desenvolver a súa aplicación na cidade que elixan. Os equipos que desenvolvan as mellores aplicacións poderán acceder a multitude de premios como:
- Premios HackForGood, que repartirán 12.000 euros para as mellores aplicacións nacionais (8.000 euros para o equipo gañador) e catorce premios de 2.000 euros, un por sede, para as mellores aplicacións locais.
- Premios temáticos. Repartiranse 8.000 euros para as mellores aplicacións que resolvan retos relacionados coa educación e a discapacidade intelectual así como para aqueles que baseen o seu desenvolvemento no uso de xogos serios ou que teñan o mellor deseño.
- Premios de continuidade, que facilitarán aos equipos continuar co desenvolvemento das aplicacións cando acabe o evento. Para iso ofrecerase formación personalizada, mentorización específica e financiamento adicional para continuar co seu proxecto. Son os seguintes premios:
- Premios Think Big – HackForGood: Haberá un premio Think Big local en cada sede HackForGood que consistirá nun fin de semana formativo en emprendemento social xunto á posibilidade de pasar ao nivel 2 do programa Think Big de Fundación Telefónica. Neste nivel os participantes accederán a formación, contarán coa axuda dun mentor e ata 3.000 euros de financiamento para levar a cabo o seu proxecto. Ademais, entre todos os gañadores locais elixirase o gañador nacional que será premiado cun pase directo ao nivel 2 de Think Big.
- Premios Telefónica Open – Future HackForGood. Son tres galardoes globais que ofrecen aos gañadores a posibilidade de usar a Rede de espazos de crowdworking de Open Future e unha mentorización personalizada e de primeiro nivel que facilite que a idea orixinal e o prototipo desenvolvido en HackForGood evolucionen cara a unha startup.
- Premios multisede, ofrécense aos equipos multisede que, de forma colaborativa entre dúas ou máis sedes, desenvolvan as mellores aplicacións. Repartiranse 4.000 euros cun primeiro premio de 3.000 euros á mellor aplicación multisede.
- Premios formativos, que ofrecen aos HackersForGood bolsas completas para o desenvolvemento de masters en dirección de empresas e en sistemas de información.

Todos os equipos gañadores formarán parte do ecosistema de emprendemento de Telefónica Open Future e así poderán dar continuidade ao seu proxecto e beneficiarse dos programas da compañía de formación e mentorización, e conseguir financiamento adicional para os desenvolvementos.

PUBLICIDADE