Haberá que pagar para gozar das cancións de Dance Central na súa secuela

xoves, 22 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Tras a boa acollida do xogo Dance Central para Kinect, estaba cantado que antes do Nadal teriamos unha secuela do máis popular xogo de baile para a Xbox 360, pero o que xa non resulta tan agradable é saber que, como xa fixera Harmonix no seu día con Rock Band, para poder exportar os temas musicais de Dance Central para o seu uso en Dance Central 2 haberá que pasar por caixa e pagar 400 puntos (4,8 euros), aínda que algunhas tendas incorporarán este complemento de balde para os usuarios que reserven o xogo.
Lembremos que Dance Central 2, non só terá un novo catálogo de cancións, senón que tamén aproveitará moito mellor o sensor de Kinect, de xeito que permitirá participar a 2 xogadores de xeito simultáneo, o que supón unha importante mellora na súa xogabilidade.

PUBLICIDADE