Guild Wars 2 supera os 3 millóns de copias vendidas

martes, 15 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Para facer fronte ao imparable World of Warcraft en 2012 chegou ao mercado Guild Wars 2, xogo masivo en liña que como principal característica ten a ausencia de cotas mensual para poder xogar, o que está a valerlle o apoio de moitos xogadores de todo o mundo, como veñen de confirmar dende ArenaNet ao anunciar que superaron os 3 millóns de copias vendidas, fito que aproveitan para anunciar algunhas das actualizacións que terá o xogo durante o ano que comeza.
Guild Wars 2 continuará a incorporar novas actualizacións, mapas e eventos en todos os niveis cada mes, así como novas táboas de clasificación para permitir que os xogadores comparen os seus resultados e novos logros para manter a sensación de reto no xogo.
É de agardar que o bo ritmo de mantemento contribúa tanto á captación de novos xogadores como á consolidación dos actuais, retos que a meirande de xogos deste xénero non conseguen superar, de aí que nos últimos meses distintos títulos tiveran que mudar o seu modelo de negocio a fórmulas Free-to-Play, algo do que polo momento Guild Wars 2 está bastante lonxe, gañando a pulso a súa posición como principal competidor de World of Warcraft.

O xogo consegue atraer a numerosos xogadores grazas á calidade do seu contido e a carecer de cuotas

PUBLICIDADE