Grande día para o Guitar Hero en España

venres, 14 de novembro do 2008 Marcus Fernández

O Guitar Hero On Tour: Decades se vende co adaptador correspondente por 49,95 euros

Hoxe chega ás tendas españolas o xogo Guitar Hero On Tour: Decades para Nintendo DS, cunha completa listaxe de cancións que inclúe o tema Estrella Polar de Pereza, e que repasa 40 anos de historia musical. Pódese adquirir solto por 39,95 euros ou co adaptador para poder xogar a calquera das dúas entregas do Guitar Hero para DS por 49,95 euros.
Pero a DS non é a única plataforma deste xogo musical comercializado por Activision, e para PS3, PS2, Xbox 360 e Wii sairá en breve o Guitar Hero World Tour ao que se poderán achegar os máis impacientes a través do Trofeo Europa Guitar Hero World Tour que comeza hoxe mesmo nunha fase previa que se estenderá ata o 26 de novembro, para a que se pode participar apuntándose na web do xogo ou nas tendas FNAC de toda España (lembremos que hai unha en A Coruña).

Os participantes poderán darlle á guitarra durante os días que dure esta fase previa de 5 a 9 da tarde, celebrándose a semifinal o día 29 ás 12 de mañá (no caso da tenda coruñesa) na que se definirá quen serán os seleccionados para participar na final que se celebrará en Madrid o 7 de febreiro de 2009 (á que tamén acudirán xogadores de Portugal, Francia, Holanda, Bélxica, Italia e Suíza).
O primeiro clasificado recibirá, aparte da praza para a final europea, unha consola Xbox 360 e un xogo completo (con accesorios) de Guitar Hero World Tour, mentres que o segundo clasificado tamén poderá competir na final e recibirá como agasallo só o xogo mencionado (cos seus accesorios). Cada un dos grupos de semifinalistas tamén recibirán unha copia do xogo Call of Duty: World at War para Xbox 360. O gañador definitivo será premiado cun televisor de plasma Toshiba Full HD de 52 polgadas.


Vídeo sobre la participación de Pereza en el Guitar Hero On Tour: Decades

PUBLICIDADE