Grande contraste entre Games with Gold e PlayStation Plus en maio

xoves, 30 de abril do 2015 Marcus Fernández

O mes de maio vai destacar entre os usuarios de consolas de videoxogos que estean subscritos aos servizos Premium de Sony e Microsoft polo grande contraste entre os títulos que reciben sen custo adicional ambas plataformas, xa que mentres Games with Gold segue na liña habitual de ofrecer algúns xogos de primeira liña mentres que PlayStation Plus baixou o listón até límites sen precedentes, limitándose a xogos independentes.
No caso de Games with Gold temos que os usuarios con subscrición Gold a Xbox LIVE poderán facerse co curioso CastleStorm – Definitive Edition para Xbox One, que estará dispoñible durante todo o mes; mentres que para Xbox 360 os xogos que ofrece Microsoft son títulos de grande peso: Mafia II e o xogo de carreiras automobilísticas F1 2013. Tamén destaca o feito de que Pool Nation FX para Xbox One continuará a estar dispoñible durante o mes de maio.
A proposta de Sony a partir do 6 de maio é bastante rechamante, xa que tras ofrecer en abril títulos como Dishonored para PS3 e Killzone Mercenary para PS Vita, achegará videoxogos totalmente descoñecidos para o público, sendo o máis destacable Guacamelee! Super Turbo Championship Edition para PS4, consola que tamén recibirá o xogo debut de White Paper Game, Ether One. Outros xogos indie que chegarán en maio, e que poderán correr en PS4, PS3 e PS Vita, serán The Unfinished Swan, Race the Sun e Hohokum, mentres que Murasaki Baby só funcionará en PS Vita.

PUBLICIDADE