Gran variedade de propostas entre os gañadores do desafío de Galiciencia 2022

xoves, 12 de maio do 2022 Anxo Sesto

Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, estase a desenvolver ata mañá venres no Parque Tencolóxico de Galicia, baixo o lema da Economía Circular. A finalidade desta proposta é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Bacharelato e FP. Na xornada deste xoves celebrouse a final do Desafío científico Atrévete coa Economía Circular!, no que participou alumnado de 4º de Primaria e Bacharelato de xeito online.
O gañador da categoría de Primaria foi o equipo As Ecolóxicas, integrado por 3 rapazas pontevedresas que apostaron pola reciclaxe de xoguetes; na categoría de 1º e 3º de Secundaria gañou o equipo El Bicho Científico, formado por dous rapaces de Baiona que optaron por un proxecto baseado na deforestación e a reciclaxe de papel. Xa na categoría de 4º de Secundaria a Bacharelato, gañou o equipo A Trapados, formado por 3 rapaces de Ribeira que, a través dun vídeo, fixeron unha comparativa entre empregar botellas de plástico e botellas reutilizábeis, co fin de fomentar o uso destas últimas.
O alumnado de Secundaria, Bacharelato e FP está a participar en tres obradoiros diferentes. Da liña ao círculo presenta xogos interactivos e educativos baseados na economía circular; no taller Dálle a volta ao usar e tirar, o alumnado converte refugallos domésticos nun líquido valioso, e na actividade O Lixo Vertical estanse a desenvolver experiencias para mentalizar aos rapaces sobre a excesiva produción de lixo. A maiores, alumnado de Secundaria e Bacharelato tamén participan no taller A aventura de voar, que se desenvolve na Aula Newton Galicia instalada en Tecnópole.
A feira remata mañá venres coa entrega de premios aos tres mellores proxectos presentados nesta edición. Haberá tamén un premio especial para o proxecto coa mellor valoración popular, escollido entre todos os participantes na modalidade online.

PUBLICIDADE