Gradiant salienta os niveis de exactitude e o custe accesíbel do seu sistema APC para o cómputo de persoas

mércores, 11 de setembro do 2013 Redacción

Unha das liñas de traballo actuais do centro galego Gradiant refírese ao desenvolvemento de tecnoloxías para o cómputo de persoas, unha tarefa aplicábel a múltiples situacións e emprazamentos e que pode achegar unha chea de vantaxes a nivel de seguridade, organización ou simplemente de seguimento da repercusión dun evento. En calquera caso, como nos lembra o centro vigués de I+D, o cálculo de persoas representa unha ferramenta moi útil para calquera entidade que trate con tránsito de individuos entrando e saíndo de continuo das súas instalacións. Para un local comercial, a dita tecnoloxía ten interese na medida en que lle facilita datos sobre as horas e lugares onde se rexistra meirande fluxo. Para os organizadores dun evento multitudinario, este tipo de recursos subministran interesantes medidas de seguridade, xa que en base a elas pódense evitar problemas por saturación de visitantes á saída ou ben á entrada do acontecemento en cuestión. A liña de investigación de Gradiant levou ao centro a desenvolver o sistema APC, un recurso que marca importantes distancias con respecto ao xa existente.
Segundo nos informa o centro galego, no mercado hai xa dispoñíbeis, dende hai tempo, determinados sistemas que permiten levar a cabo a tarefa do cómputo con maior ou menor exactitude, algúns deles baseados en cruzamento de raios infravermellos e outros en imaxes térmicas, pero case todos eles amosando unha eiva a ter moi en conta: non adoitan a achegar a precisión e a exactitude requirida e, ademais, soen ser caros de máis debido ao alto custe dos sensores que integran. Ao fío disto e co obxectivo de procurar máis utilidade e accesibilidade económica, Gradiant estivo a traballar no seu propio sistema automático de cálculo para interiores, o dito APC, “para o que se apostou por un enfoque innovador ao basearse en compoñentes de electrónica de consumo de baixo custo para o seu deseño”.
O sistema de Gradiant, en inglés e polas súas siglas Automatic People Counter, emprega o sensor de profundidade Xtion PROL Live de Asus para monitorizar unha determinada área de paso de persoas desde unha posición elevada sobre o chan. O sensor obtén imaxes de profundidade da escena mediante a emisión e recepción de patróns de luz infravermella e entrégaas a un dispositivo PandaBoard ES, un computador de placa reducida que se encarga de procesalas co obxectivo de localizar e contar as persoas que cruzan baixo o campo de visión do sensor. Os datos de cálculo envíanse a un servidor remoto onde se almacenan nunha base de datos, permitindo así a consulta en tempo de real da afluencia de persoas. Entre as vantaxes extra deste sistema inclúese a capacidade de operar con niveis de iluminación baixos, e mesmo na escuridade total, grazas ao seu funcionamento baseado en luz infravermella. Segundo engade o centro galego, leváronse a cabo xa varias campañas de medida nas que se obtivo unha precisión do 95%, “dato que coloca a este sistema nuns niveis de rendemento axeitados para afrontar con garantías a complexa tarefa do reconto automático de persoas”.
Unha destas probas, reflectida por Código Cero este mesmo verán, consistiu na aplicación de APC nun evento organizado pola Fundación Novacaixagalicia co obxectivo de avaliar o tráfico de persoas do mesmo. A entidade galega puxo a disposición deste proxecto de Gradiant o auditorio do seu Centro Cultural de Vigo, dándose como resultado, en palabras dos investigadores do centro, “un enorme paso adiante no desenvolvemento desta tecnoloxía, que permite coñecer con total exactitude e decontado a afluencia en calquera local e o cálculo de asistentes en tempo real, mediante sensores de vídeo 3D emprazados nas entradas do recinto”. Por certo que estes sensores, explica Gradiant, son semellantes aos que se empregan nas videoconsolas de última xeración. Volvendo á devandita proba, dicir que o equipo en cuestión instalouse na porta principal do Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia de Vigo e controlouse remotamente vía Web polos investigadores. Os resultados desta proba piloto foron, en palabras dos profesionais galegos, “esperanzadores”. De feito, arroxaron unha taxa de exactitude de máis do 95%, unha cifra case igual á que guindou a proba de laboratorio, pero neste caso en condicións non controladas.

PUBLICIDADE