Gradiant ponse ao servizo das empresas galegas de cara á participación nos fondos de Conecta PEME

mércores, 4 de setembro do 2013 Redacción

O centro galego de I+D Gradiant informou esta semana de que está a piques de abrirse a convocatoria para o programa Conecta PEME da Axencia Galega de Innovación (GAIN), dotado con 12 millóns de euros procederes de fondos europeos FEDER. Esta programa, informa Gradiant, é moi semellante aos Innterconecta, do que xa temos falado polo miúdo en Código Cero, sobre todo facendo fincapé nas cifras que achega a segunda convocatoria destes fondos: 153 millóns de euros para uns oitenta proxectos galegos de innovación. Con todo, hai unha diferenza básica entre unhas achegas e outras: as de Conecta PEME diríxense principalmente, como o seu propio nome indica, ás pequenas e medianas empresas galegas. Para optarmos a estas axudas de fortalecemento da innovación, os consorcios terán que contar co apoio dun centro tecnolóxico.
Neste senso, Gradiant lembra aos aspirantes e interesados que atesoura unha gran experiencia en proxectos desta feitura, sendo como é, recórdanos, “o centro TIC con meirande número de iniciativas impulsadas a través de Innterconecta”. Ademais, dinos, no seu portfolio conta con numerosos casos de éxito de transferencia tecnolóxica e Investigación e Desenvolvemento aplicados ao tecido produtivo, chegando o radio de alcance dos seus proxectos aos mercados de España, Latinoamérica e máis Estados Unidos. A maiores, dispón de máis de 80 investigadores de seu e, tamén, ao servizo das empresas galegas centradas nas tecnoloxías ou no coñecemento en calquera das súas manifestacións.

PUBLICIDADE