Gradiant exporá en EE.UU. as súas tecnoloxías con aplicación en Vehículos Aéreos non Tripulados

venres, 22 de abril do 2016 Redacción

O Centro Tecnolóxico Gradiant vai amosar no evento XPonential as súas tecnoloxías para UAV (Unmanned Aerial Vehicle, traducíbel por Vehículo Aéreo non Tripulado) . Segundo informa o centro, o devandito evento é un dos máis referenciais a nivel internacional no sector deste tipo de unidades móbiles aéreas. Celebrarase en Nova Orleans (Estados Unidos) entre o 2 e o 5 de maio e vén da man da organización AUVSI (Association for Unmanned Vehicle Systems International) unha entidade internacional sen arela de lucro adicada en exclusiva ao pulo da comunidade de sistemas non tripulados e robótica. “Trátase dunha cita ineludíbel e un punto de encontro para todos os profesionais, empresas e institucións relacionadas cos UAV”, sinala Gradiant.
Nun plano máis concreto, servirá para expoñer todo tipo de aplicacións civís e de defensa deste tipo de vehículos aéreos. A previsión é acoller máis de 8.000 líderes industriais e profesionais de máis de medio cento de países.
O centro tecnolóxico galego acode en calidade de expositor grazas á colaboración de ICEX, que despregou un emprazamento específico para participantes estatais chamado Espazo España dentro da exposición, “unha contorna na que ocuparemos unha caseta destacada, a caseta 2447 do Hall 2”, engade Gradiant, que amosará dende o seu stand tecnoloxías propias con aplicación en UAV, como por exemplo os seus desenvolvementos en comunicacións avanzadas, ou as súas tecnoloxías en analítica de datos. “Estes desenvolvementos”, explican dende o centro galego, “foron postos a proba en múltiples proxectos de I+D para empresas estatais e estranxeiras, e amosan as capacidades de innovación de Gradiant nun mercado tan competitivo como o do os Vehículos Aéreos non Tripulados”.

PUBLICIDADE