Gradiant, elemento activo na estratexia europea de innovación para o envellecemento saudábel

luns, 25 de novembro do 2013 Redacción

A investigadora de Gradiant, Helena Fernández

A directora da área de eSaúde do centro galego Gradiant, Helena Fernández, participa este luns como relatora na conferencia do European Innovation Partnership on Active and Healthy Ageing (traducido ao galego, Partenariado Europeo da Innovación para o Envellecemento Saudábel, EIP-AHA). Este evento e a plataforma na que se insire, informa Gradiant, é un foro determinante en canto a políticas para asegurar e incrementar a calidade de vida dos maiores a nivel europeo, debido a que marcará o rumbo a seguir de aquí ao ano 2020, dentro da estratexia Horizon 2020.
Segundo engaden fontes do centro tecnolóxico emprazado en Vigo, o envellecemento activo e saudábel é un gran desafío social común a todos os países europeos, e unha área cun potencial considerable para que a UE e a súa contorna lideren o mundo en ofrecer respostas innovadoras. O EIP-AHA, de feito, foi lanzado co obxectivo de incrementar a calidade de vida das persoas de idade de cara ao 2020, xerándose ao seu abeiro accións concretas de capacitación de cidadáns da UE, de sustentabilidade e de eficiencia dos sistemas sociais e de saúde, fornecéndose a maiores novas oportunidades de negocio.
Esta iniciativa inclúe seis grupos de accións específicas que abordan cuestións como a prevención de caídas, a prescrición e a adhesión ao tratamento, ademais da decadencia funcional e a fraxilidade.
Gradiant participa no Grupo de Acción A2 de Prevención de Caídas. Cómpre lembrar, sinalan os investigadores do centro galego, “que as caídas son a causa principal de lesións entre as persoas maiores e representan aproximadamente un terzo dos accidentes mortais nese rango de poboación”. Neste senso, o Grupo de Acción A2 de Prevención de Caídas ten como obxectivo promover a innovación, e estimular e facilitar o desenvolvemento de programas de prevención. Enfócase tamén cara a apoiar e convocar a tódolos interesados no proceso de desenvolver, producir e distribuír políticas e ferramentas para programas de prevención que amplíen e melloren a prestación de servizos.

PUBLICIDADE