Gradiant e Mática xuntan forzas para levar a calidade do dato ao día a día das empresas

martes, 10 de maio do 2022 S. P.

O Centro Tecnolóxico Gradiant e Mática Partners (grupo catalán centrado en resolver desafíos mediante o uso responsábel da información, a tecnoloxía e a Intelixencia Artificial) veñen de unir forzas para garantir a calidade dos datos e facilitar a toda de decisións nos negocios. Froito deste traballo conxunto é o Aqtiva, unha ferramenta que permite importantes aforros de tempo e unha información máis precisa a nivel empresarial, favorecendo a toma das mellores decisións.
Aqtiva é a primeira spin-off da empresa catalá e constitúe un paradigma da democratización do Big Data, unha tecnoloxía que se ben está ao alcance de moitas empresas, “poucas contan con mecanismos que aseguren a calidade dos datos á entrada dos sistemas de soporte para a toma de decisións”, explica Juan Ramón González, director executivo de Aqtiva, quen engade que a tecnoloxía posta en xogo posibilita aforros de tempo e diñeiro ao aplicar técnicas avanzadas de análise e Intelixencia Artificial “para garantir a calidade dos datos que entran no sistema”. Ademais, prosegue, permite procesar grandes volumes de información en streaming, en tempo real ou similar, adaptándose ás esixencias empresariais onde a calidade do dato é esencial para o correcto funcionamento da IA. “Desta forma, asegurámonos de que toda a información que se introduce no sistema ten a calidade apropiada”, explica Agustín Cañas, director de Sistemas Intelixentes de Gradiant.
A colaboración entre o centro tecnolóxico galego e Mática desenvolveuse no marco do proxecto IA2CD, co-financiado na convocatoria I+D Transferencia Cervera do CDTI, que ten como obxectivo “deseñar e desenvolver unha solución integrada baseada en Intelixencia Artificial aplicada á calidade do dato”.
Segundo engaden Gradiant e Mática, “a característica diferencial de Aqtiva é que non se aplican técnicas de calidade dos datos unha vez que estes están no propio sistema, senón no momento en que viaxan polo sistema, é dicir, no momento da inxesta ou a súa transformación”. Tamén fan saber que a calidade do dato é un factor “crucial” cando falamos de procesamento de datos en streaming, en tempo real ou similar: “En poucas palabras, non hai tempo para perfilar, corrixir ou modificar datos que xa entrasen na base de datos”, comenta Marc Serra, presidente de Aqtiva. Pola súa banda, Agustín Cañas explica que “o noso algoritmo integrado en Aqtiva permite analizar un gran volume de datos e proporciona recomendacións acerca da calidade dos mesmos, de tal maneira que unicamente entrará no sistema aquela información relevante para a toma de decisións”.

PUBLICIDADE