Gowex sitúa aos nosos concellos entre os máis activos do panorama Wi-Fi estatal

mércores, 22 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

En cuestión de coñecemento e de procura de novas tecnoloxías de acceso ao mesmo, cómpre que a nosa terra estea especialmente ao día, sobre todo debido a que parte de certa desvantaxe. As razóns disto non son novas, posto que son as mesmas que teñen provocado o noso illamento de séculos con respecto a determinadas infraestruturas. No noso repaso habitual de estudos que dalgún xeito nos axuden a ir escolmando as claves para arranxar estes atrancos (xeralmente orixinados pola nosa dispersión xeográfica e a situación periférica, posteriormente perpetuados por institucións e empresas), vimos de localizar a nova achega do Grupo Gowex, a última edición do seu Informe Anual Wi-Fi no que se recolle, entre outras cousas, un percorrido a través da vida dixital sen fíos que nos deu o ano 2008. Como o seu propio nome indica, o informe (xa accesible en pdf) é unha escolma do máis salientable en materia desta tecnoloxía, tanto no que se refire á oferta dos operadores como no que atinxe ás novidades na lexislación nacional e internacional.
Por certo que segundo Gowex, a achega deste ano é moi útil para os concellos, xa que os fornece de claves para que poidan resolver as súas dúbidas á hora de crear unha rede Wi-Fi pública e municipal, evitando así atoparse coas trabas da Comisión de Mercado das Telecomunicacións (CMT). Este capítulo do informe ten un amplo potencial para os nosos gobernos locais e o panorama sen fíos galego, a xuízo do anuario un dos máis activos de España, incluíndo (engade) iniciativas modelos como a do casco vello de Pontevedra.
Asemade, o informe fai fincapé na cifra de concellos da nosa terra que en 2008 estaban adscritos á CMT como operadores: xa máis de trinta. Entre eles, Ponte Caldelas, A Coruña, Corcubión, Carral ou Toén.
Doutra banda, o documento subministra información de primeira orde sobre quen segue a cortar o pastel na cuestión Wi-Fi a nivel mundial e quen podería facelo a medio e longo prazo: arestora Estados Unidos segue a estar á cabeza deste tipo de redes sen fíos, ficando España fóra da listaxe dos dez primeiros países e situándose este ano no 12 do ranking mundial. Por certo que países como China, grazas entre outras cousas á organización dos Xogos Olímpicos, vén de experimentar un importante pulo no que atinxe ás súas comunicacións sen fíos, posicionándose xa no cuarto posto.
Con todo, sinálase no informe, o feito de que España ocupe o 12º lugar na listaxe non debe levar a engano: o uso de Wi-Fi no territorio estatal é un dos poucos puntos relativos ao afianzamento da Sociedade da Información no que o país non está por debaixo das súas posibilidades. De feito, no anuario de Gowex ponse de manifesto que con respecto ao ano 2007, deuse un medre medio porcentual dun 40,09% do número de puntos de conexión comerciais. O mesmo podemos dicir dos centros educativos, un dos espazos onde o equipamento de sistemas Wi-Fi provoca máis polémica (ao haber colectivos, sobre todo ecoloxistas, que consideran apresurado encher de ondas os espazos por onde se moven os rapaces e rapazas até que se saiba, sen ningún tipo de dúbida, que son cen por cen inocuas para a súa saúde) e que, malia todo, non paran de abrirse camiño na Rede sen fíos, principalmente as universidades (que teñen xa cobertura case total, con 77 institucións académicas dando servizo) e os centros de secundaria.

PUBLICIDADE