Google premiada co Principe de Asturias de Comunicación e Humanidades

venres, 24 de outubro do 2008 Marcus Fernández, Raquel Noya

Larry Page recollendo o Premio xunto co presidente de operacións de Google para Europa, Nikesh Arora

O buscador Google, considerado na actualidade como o mellor buscador da historia de Internet, acadou a maioría dos votos do xurado para lograr o Premio Principe de Asturias de Comunicación e Humanidades 2008, ao que tamén aspiraba, entre outros 24 candidatos, a axencia fotográfica Magnum, que foi finalista nas tres últimas edicións do galardón.
O xurado concedeulle o premio a Google por ter feito posible «unha xigantesca revolución cultural» (daí o alcume de xigante que lle puxeron os internautas) e por ter «propiciado o acceso xeralizado ao coñecemento» en pouco máis dunha década.
O español José Luis Pardos, foi o diplomático encargado de propor ao xigante americano como candidato ao premio e sumarse así a outros galardoados no campo da Comunicación e as Humanidades como a National Geographic Society, Umberto Eco, o Instituto Caro, o xornalista Jean Daniel ou as revistas Science e Nature, que acadaron o premio de maneira conxunta o pasado ano.
O galardón, dotado con 50.000 euros e a reprodución dunha estatuíña deseñada por Joan Miró, é o cuarto que se falla tralos de Cooperación Internacional, Artes e Investigación Científica e Técnica.

Larry Page recolleu o premio

Aínda que non estaba prevista a súa asistencia, Larry Page, o co-fundador de Google acudiu á cerimonia de entrega dos Premios Príncipe de Asturias, no que foi toda unha agradable sorpresa, posto que as visitas a España dos máximos responsables de Google son bastante pouco frecuentes.
Amais, tamén se comentou a curiosidade de que Page fixo entrega ao Príncipe de Asturias dun terminal telefónico T-Mobile G1, tamén coñecido coma o teléfono de Google, que sería o primeiro dispositivo móbil en contar oficialmente co sistema operativo Android integrado.
Para celebrar os Premios, dende Google tamén estrearon unha aplicación en Google Earth que permite aos internautas a localización dos 288 galardoados pola Fundación Príncipe de Asturias, coa súa cidade, país de orixe e data do premio.


Vídeo no que se presenta a posibilidade de atopar aos galardoados co Premio Príncipe de Asturias a través de Google Earth

PUBLICIDADE