Google celebra o día dos seus desenvolvedores

xoves, 31 de maio do 2007 Marcus Fernández

Google Developer Day 2007 é a celebración organizada polo buscador máis popular da Rede para os seus máis de 5.000 desenvolvedores en todo o mundo, que poden así achegarse a novidades da compañía entre as que destaca a presentación de Google Gears, un engadido de código aberto que permite integrar nos navegadores web capacidades off-line, ou sexa, que permite consultar a última información descargada da Rede cando se está desconectado.
A primeira aplicación en integrar Google Gears é o lector de fluxos RSS Google Reader, que permite así consultar as últimas 2.000 novas consultadas nos momentos nos que o usuario non conta con conexión, o que agradecerán especialmente os usuarios de equipos portátiles.
Ademais, este novo engadido funciona nos sistemas operativos Windows, Linux e Mac OS X, así como nos navegadores Internet Explorer e Firefox, ou sexa, que estarán dispoñibles para a meirande parte de usuarios de Internet.
Agárdase que este engadido tamén poida servir para outros servizos de Google coma o Gmail ou Google Docs, de xeito que as prestacións de escritorio achegadas vía web darán un importante salto cara adiante.
Aparte de Google Gears tamén presentaron melloras en Google Maps, novos gadgets para a versión personalizada de Google e varios exemplos de desenvolvementos coma un dispositivo que permite bloguear dende Second Life valéndose do Google Authentification Web.

PUBLICIDADE