Good Old Games: xogos bos, bonitos, baratos… e vellos

venres, 5 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Non nos enganemos: rescartar videoxogos relativamente antigos e volvelos a poñer á disposición dos internautas, con todo o que ten avanzado a industria dende todas as frontes, é unha tarefa oportunista que, máis que vender un produto acorde cos tempos, vende saudade. Con todo, unha vez que lles aceptamos o xogo a algunhas propostas, vemos que hai proxectos de reanimación neste eido que teñen o seu interese. Sobre todo se do que se trata é de poñer na Rede produtos a baixo prezo, tal e como semella que queren facer os responsables de Good Old Games (GOG), unha tenda en liña que, como o seu nome indica ás claras, parece ir encamiñada a recuperar o espírito publicitario dos caramelos Werther (aquel no que saía un avó pasándolle ao seu neto o segredo do bo gusto encarnado, nese caso en concreto, nunha golosina) para relembrarnos que no eido das consolas tamén ten que funcionar aquelo de que a experiencia é un grao. O truco: darlle un aire de novo e, sobre todo, envolvelo todo moi ben.
Sexa así ou non, sempre ten o seu aquel fozar un pouco no pasado, desta volta no legado xustamente posterior a Atari, Spectrum, Commodore e demais, acompañando todo dun espírito revisionista parello á recuperación dun vello tocadiscos dos sesenta ou da moto Ducati que gardabamos no garaxe. O proxecto GOG vén ademais co engadido de ser un proxecto seguro e compatible con Windows XP e Vista. Ademais, os produtos que se descarguen non virán con DRM, polo que é ben factible que os instalemos nos equipos informáticos que nos pete. Por certo, que a páxina web en cuestión estará en breve operativa, poñendo a noso alcance xogos como Sacrifice ou Fallout.

PUBLICIDADE