Gameloft lanza un novo Trivial Pursuit móbil

xoves, 22 de outubro do 2015 Marcus Fernández

O Trivial Pursuit é todo un clásico dos xogos de mesa, que contou con numerosas edicións electrónicas ao longo do tempo, e aínda que en dispositivos móbiles xa tiñamos varias xogos baixo esta marca, agora é Gameloft o que a recupera engadíndolle un “& Friends” para destacar que estamos ante unha versión orientada ao xogo en liña, como xa facían xogos como Preguntados e Triviados, pero agora co paraugas da marca máis recoñecible dos xogos de preguntas.
Podemos así descargar Trivial Pursuit & Friends de balde para iOS, para Android e para Windows, destacando especialmente esta última versión por poder ser universal, de xeito que podemos gozala tanto en móbiles como en ordenadores e tabletas, chegando así a un público moi amplo.
Este novo Trivial ten unha nova aparencia, con distintas formas de competir e incluíndo compras dentro da aplicación (como xeito de desbloquear elementos). Deste xeito podemos gozar do popular xogo de preguntas case en calquera lugar, con preguntas nas súas 6 categorías habituais (e coa vantaxe de que algunhas conten con imaxes) e con varios modos de xogo: duelo (enfrontamento de un contra un), Blitz (festa frenética con 4 xogadores competindo á vez) e eventos (concursos temáticos semanais con temáticas como apocalipse zombi, fashionista, campión deportivo e “¿Te gustan los pimientos del Padrón?”).
Un xogo que sen dúbida vai converterse en todo un fenómeno durante as vindeiras semanas.

Trivial Pursuit & Friends traslada o clásico Trivial Pursuit aos móbiles

PUBLICIDADE