GameStop rexeita vender lotes de consolas que inclúen xogos en formato descargable

venres, 18 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Cando Sony lanzou a súa consola portátil orientada aos xogos descargables, a PSP Go, a máquina permaneceu agochada do grande público por mor do boicot exercido polas grandes cadeas de tendas de videoxogos, que normalmente só venden as consolas como un complemento para o seu negocio, carecendo de incentivos para fomentar a venda dunha consola que afasta ao público dos establecementos físicos; e agora parece que a historia volve a repetirse, e nos EE.UU. a cadea de tendas GameStop (desaparecida hai pouco de España, pero aínda moi importante ao outro lado do Atlántico) estaría a rexeitar vender consolas de videoxogos que inclúen códigos de descarga de xogos en vez de copias físicas dos mesmos, política que comezan a aplicar co novo lote de Xbox One que inclúe o xogo Madden NFL 16 (que sería o equivalente ao lote que en España inclúe o xogo FIFA 16). De feito, nas tendas de GameStop montaron o seu propio lote exclusivo, creando unha edición deluxe na que inclúen unha copia física do xogo deportivo, o que permite que os usuarios poidan volver á tenda a vender o xogo (xa que a segunda man é unha peza chave do negocio de GameStop e outras tendas semellantes como a que asumiu parte do seu negocio en España, GAME).

GameStop rexeita a venda de consolas con códigos de descarga

Na última reunión de accionistas de GameStop xa manifestaron a súa preocupación ante o problema que os xogos descargables supoñen para o seu modelo de negocio, xa que estes títulos no poden revenderse, de aí que optasen por exercer unha medida desesperada para frear a evolución natural da industria de cara aos formatos descargables (que actualmente supoñen a quinta parte das vendas de xogos de consola, estando moito máis normalizados no mundo do PC e absolutamente dominantes en smartphones e tabletas).
A evolución do mercado dá a entender que o actual modelo ten os días contados, polo que compañías como GameStop deberían comezar a explorar novas fórmulas en vez de aferrase a un modelo que non pode sosterse no tempo, como outras industrias aprenderon polas malas.

PUBLICIDADE