Galinux, a distribución galega de GNU/Linux xa pódese descargar de balde

xoves, 11 de decembro do 2008 Marcus Fernández

Galinux é un completo sistema operativo de fontes abertas que vén configurado para poder empregar calquera computador compatíbel no noso propio idioma, o galego, e que dende hoxe xa se pode descargar nunha imaxe de CD de 660 Mbytes que permite beneficiarse das vantaxes básicas do Galinux, pois inclúe automaticamente os programas informáticos máis empregados: para navegar pola Internet, acceder ao correo electrónico, escoitar música, escribir documentos de texto, facer gráficas e cálculos, ver vídeos ou películas, compartir ficheiros, conversar por mensaxería instantánea e moito máis.
Co Galinux disporá dun contorno de escritorio fiábel, seguro e sempre actualizado, xa que ao estar baseado na popular distribución nomeada Ubuntu poderá recibir periodicamente as actualizacións gratuítas que son distribuídas para manter o seu equipo ao día. E para resolver as cuestións máis frecuentes, non o dubide: pregunte na Rede a calquera dos milleiros de persoas que tamén empregan Ubuntu.

PUBLICIDADE