Galiciencia acollerá estes días os máis salientábeis inventos da nosa mocidade científica
martes, 19 de novembro do 2013
Finalmente
este mércores dá comezo un evento, en Ourense, que é algo así
como unha feira da capacidade creativa da nosa mocidade. Creativa no
eido tecnolóxico e investigador, con xanelas ao futuro e con
potencial de aplicación: algo máis que simples inventos abraiantes.
Falamos da feira Galiciencia,
que se celebra do mércores ao venres da man da Tecnópole no recinto
de seu en Ourense: unha carpa na que medio cento de equipos
integrados por mozas e mozos da nosa nosa terra con vocación
científica, amosarán ao público os seus proxectos de innovación.
Segundo informa a Tecnópole, calcúlase que pola feira pasarán máis
de 2.000 persoas (grupos escolares de toda a nosa xeografía e
público xeral, a engadir aos rapaces cos seus inventos).
Lembrar que o evento foi recoñecido
como unha das actividades de referencia da Semana da Ciencia en
España pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía
(FECYT), patrocinadora do evento xunto coa Consellería de Economía
e Industria.
Este ano a representación máis
numerosa na exposición de proxectos procede dos colexios de Ourense,
con 16 equipos defendendo as súas investigacións e inventos. A eles
súmanse 12 de Vigo, 4 de Pontevedra, 2 de Lugo, 2 de Ribadeo, 2 de
Ferrol, 2 de Narón, 2 de Cambre, 1 de Santiago e 5 de Barcelona.
Segundo engade Tecnópole,
Galiciencia chega á súa oitava edición “cunha ampla oferta de
actividades paralelas á exposición de proxectos que inclúe a
conmemoración do Ano Internacional da Cooperación na Esfera da Auga
a través dunha exposición promovida polo Consello Superior de
Investigacións Científicas (CSIC) e de varios obradoiros orientados
a diferentes idades”. Neles realizaranse experimentos físicos e
químicos nos que se traballará con augas termais, ademais de catas
e experiencias dirixidas a concienciar aos participantes sobre o
valor e a importancia dun uso responsable deste recurso indispensable
para a vida.
Ademais, a Fundación Barrié
participará cun stand
propio no espazo da feira e ofrecerá unha charla para que os
docentes coñezan a programación para este curso da canle
educaBarrié, unha
innovadora plataforma web na que se poñen contidos didácticos e
materiais ao dispor da comunidade educativa.
Entre os moitos inventos a presentar
na feira, relevantes para a temática de Código Cero (as novas
tecnoloxías da información), inclúense cousas como un respaldo
intelixente que advirte ao usuario das malas posturas nas costas (da
man de Alba Fernández, do IES Julio Prieto de Ourense), unha luz de
salvamento a partir do flash dunha cámara (da man de Carolina Moura
Sousa e María Marta Viso, do Colexio As Acacias de Vigo), un sistema
que alerta se accedemos en contrasentido nunha autoestrada (de Xosé
Lois Chorén e Unai Ansedes, do IES Xoán Montes de Lugo) ou unha
tecnoloxía que permite verificar até que punto se lle pode tirar
partido ás ondas emitidas polos teléfonos móbiles (de Ainhoa
Guerreiro e Aitor Guerreiro do Centro Plurilingüe Divino Maestro de
Ourense).