Galiciadixital estrea unha nova película en 4D e o vídeo conmemorativo dos 25 anos da CRTVG

venres, 26 de marzo do 2010 Redacción

A exposición itinerante e interactiva da Secretaría Xeral de Medios, Galiciadixital, recala hoxe en Xuventude Galicianet, no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela, coa estrea da película en 4 dimensións Meta do Camiño e do vídeo conmemorativo dos 25 anos de vida da CRTVG, como principais atractivos da exposición. A mostra poderá visitarse ata o vindeiro domingo de 10:00 a 20:00 horas de xeito totalmente gratuíto.
Meta do Camiño é unha curtametraxe 4-D, é dicir, 3-D acompañado de efectos especiais de vento, aroma e fume, onde un peregrino acompaña e ilustra ao visitante, nun breve percorrido en primeira persoa aos lugares máis relevantes da Catedral de Santiago, algúns dos cales non son accesibles para o visitante convencional, incluíndo o altar maior, o órgano, o sepulcro, os tellados e un impactante botafumeiro que os visitantes poderán alcanzar coas súas propias mans.
Ademais desta película, esta será a primeira ocasión na que a exposición Galiciadixital incluirá contidos que teñen como obxectivo homenaxear o primeiro cuarto de século da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), entre os que destacan a estrea dun vídeo conmemorativo ao redor dos seus 25 anos de vida, unha zona expositiva de obxectos relacionados coa historia da radio e da televisión, e unha serie de paneis ilustrativos da historia da compañía.
Os visitantes poderán tamén converterse en presentadores de televisión a través do plató Chroma Key, espazo onde se poderán mover ás súas anchas ante unha cámara de vídeo mentres se ven reflectidos nunha pantalla TFT de gran formato.
Ata finais de ano, a mostra cos seus contidos habituais e cos novos, relacionados cos 25 anos da Compañía Radio Televsión de Galicia (CRTVG), visitará, ademais de Santiago de Compostela, 13 localidades galegas: Narón, A Rúa, Chapela (Redondela), Ferrol, A Coruña, Muxía, Pontevedra, Padrón, Sarria, Ourense, Arzúa, Lugo e Vigo.

PUBLICIDADE