Galicia está no penúltimo posto de España na penetración da Internet

xoves, 5 de outubro do 2006 Redacción

Malas novas para Galicia, pois segundo a Comisión do Mercado das Telecomunicacións, a nosa comunidade ocupa o penúltimo lugar na clasificación autonómica de penetración da Internet, adiantando só a Estremadura.
A nivel estatal o resultado parece positivo, pois se pasou dun 10,8% de penetración da banda larga a un13,11% de xeito que xa se conta con máis de 6 millóns de conexións deste tipo, e podería chegarse ós 7,5 millóns antes de rematar o ano, pero a CMT advirte de que os prezos das conexións de alta velocidade no mercado español duplican ós do resto de Europa, o que supón un claro freo ó avance desta tecnoloxía.
No tocante á tecnoloxía de acceso por banda larga, actualmente hai 4,69 millóns de liñas ADSL fronte a 1,32 millóns de liñas de cable, e destacan que os bucles desagregados (ou sexa, a liberación da liña de Telefónica para administrala o operador contratado) se duplicaron no último ano chegando ás 742.000 liñas.
Analizando o número de vivendas con acceso, o incremento anual foi do 7%, chegando ós 5,63 millóns de vivendas conectadas, o que serían un 39,1% do total, das que 3 de cada 4 accede á Rede por banda larga. A nivel de comunidades autónomas, algunhas coma Madrid superan á media de penetración do acceso á Rede (co 50,1%), como tamén Cataluña (46,6%), o Euskadi (46,1%) ou Cantabria (43,1%), mentres que Galicia (co 29,6%) e Estremadura (co 23,8%) ocupan as últimas posición.

PUBLICIDADE