Galicia acolle a 3ª edición do programa de emprendemento feminino #OlympeEmprende

mércores, 16 de novembro do 2022 S. P.

A nosa terra acolle a terceira edición do programa #OlympeEmprende, un recurso innovador ao servizo de mulleres emprendedoras que queren arrancar unha iniciativa de economía social e solidaria con impacto ou que constituirán unha cooperativa durante o 2021-2022 en Galicia para reforzar o liderado en feminino. Para isto Olympe Emprende ofrece durante o ano 2023 a 15 mulleres, de xeito gratuíto, un itinerario de formación cunha marcada vertente tecnolóxica. Haberá sesións de intercooperación, xiras de emprendemento, webinars e acompañamento estratéxico, territorial e de competencias para o impulso de ideas de negocio con impacto na comunidade. Inclúense 67 horas de formación en liña.
O programa forma parte da convocatoria POISES de CEPES, co-financiada polo Fondo Social Europeo. Está liderado por Tandem Social, Abeluria e Wazo Coop.
O programa, que seleccionará iniciativas de Galicia, vai dirixido a todas aquelas propostas emprendedoras galegas lideradas por mulleres que estean arraigadas no territorio, que practiquen a intercooperación, garanten a democracia interna, incorporen a economía e o coidado feminista nas súas prácticas, promovan a diversidade na composición e participación e teñan en conta o impacto ambiental da súa actividade. “En definitiva, proxectos que poñen ás persoas no centro da súa actividade”, explican dende as entidades organizadoras.
Olympe Emprende tamén ofrecerá a posibilidade de optar a un premio económico ás mellores iniciativas que permita dar un soporte á constitución de cooperativas no territorio lideradas por mulleres. O programa realizarase de xaneiro a xuño (2023), e valorará que as iniciativas teñan entre os seu obxectivos a consecución dun impacto social (como por exemplo a mellora do benestar do ser humano e a equidade social).
O período de presentación de solicitudes a través do formulario de inscrición comezou o 19 de setembro e amplíase ata o 27 de novembro de 2022 ás 23:59 horas (hora peninsular).
Tandem Social, Abeluria e Wazo Coop auspiciarán e formarán de xeito virtual aqueles proxectos seleccionados explicando o concepto de empresa da economía social e solidaria, modelos de negocio, mercadotecnia online e comercialización ou fontes de financiamento alternativas. E ao mesmo tempo levarase a cabo un acompañamento individual e colectivo de xeito virtual dos proxectos para axudar nas necesidades específicas de cada proxecto emprendedor.
O programa pretende honrar a memoria de Olympe de Gouges, revolucionaria esquecida que defendeu a igualdade entre o home e a muller en todos os aspectos da vida pública e privada e en 1791 redactou a Declaración dos Dereitos da Muller e a Cidadá.

PUBLICIDADE