GPUL organiza este sábado na Coruña a sua primeira romería-Linux

mércores, 22 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux xa ten data e lugar para o seu primeiro GPUL picnic, un encontro informático co que (entre outras moitas cousas) se tratarán de conciliar dous mundos aparentemente contrapostos, máis se cadra non tanto: o do open source, por unha banda, e o do espírito festivo de romería galega con gastronomía típica, pola outra. O lugar elixido (tras unha votación entre os membros no sitio web) foi o arredor da Facultade de Informática da Coruña (na imaxe) e o día o 25 de agosto.
Segundo informa GPUL, todo o mundo está convidado e non é preciso ser socio do Grupo convocante para participar neste encontro, no que (engade GPUL), “non faltarán empanadas, tortillas e rede sen fíos para un xantar e unha sobremesa nos que se falará de sotware libre e do que se terce”.
O único requisito que se pide é avisar previamente da asistencia e do número de acompañantes vía comentario no weblog ou mensaxe ao correspondente fío na listaxe de correo. A hora prevista para o comezo das “hostilidades” é as 13.00 do sábado.

PUBLICIDADE