GOG.com regala The Witcher 2 durante as súas rebaixas de outono

xoves, 13 de novembro do 2014 Marcus Fernández

A tenda de videoxogos descargables sen protección anti-copia GOG está a celebrar unha campaña de rebaixas de outono que rematará o vindeiro día 25 e na que teñen a máis de 700 títulos á venda con descontos que chegan até o 90%, e para animar aos usuarios a visitar con frecuencia a súa páxina web para comprobar as últimas ofertas están a realizar unha curiosa promoción que consiste en que os usuarios poden desbloquear un selo cada certo tempo, de xeito que, ao conseguir 7 recibirán de balde a película The Gamers: Director’s Cut (valorada normalmente en 4,79 euros) e o videoxogo The Witcher 2: Assassins of Kings (á venda habitualmente por 15,89 euros).
The Witcher 2 é unha grande produción de CD Project RED, que está dispoñible para Windows, OS X e Linux, e que está considerado como un dos mellores xogos do seu xénero (rol con ambientación fantástica). Este título lanzado en 2012 chega nesta promoción nun grande momento, xa que os afeccionados aos xogos RPG que non gozaran do mesmo teñen así unha excelente oportunidade para achegarse a esta saga, que recibirá a súa terceira entrega, The Witcher 3: Wild Hunt, o 24 de febreiro de 2015.

PUBLICIDADE