GAME en Reino Unido quere cobrar por permitir probar PlayStation VR

luns, 24 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Facerse cun casco de realidade virtual para PlayStation 4 é un investimento bastante elevado (coa PS Camera achégase aos 460 euros) e moitos usuarios pode non resultarlle moi agradable a experiencia (ao igual que acontece a algunhas persoas co cine en 3D) polo que recoméndase probar as PlayStation VR antes da súa compra, pero dende a cadea de tendas GAME en Reino Unido sorprenderon ao anunciar que cobrarán polo tempo de proba do sistema.
Concretamente nas tendas GAME habería que pagar 5 libras esterlinas (5,62 euros) por 10 minutos de uso de PlayStation VR e 15 libras (16,86 euros) por media, o que podería xustificarse polo feito de que estamos ante un produto que para a súa proba precisa de asistencia humana, xa que a primeira vez que se coloca o casco hai que axustalo e tamén hai usuarios que necesitan de certa guía á hora de introducirse nas distintas experiencias de demostración, pero precisamente o feito de que leve un tempo colocar o casto fai que o pagamento de 5 libras por unha breve experiencia poida considerarse un prezo abusivo.
Tamén cómpre salientar que estamos ante un produto destinado ao ámbito doméstico, polo que a súa explotación comercial cobrando polo seu uso infrinxiría claramente a licenza de uso do seu software, o que podería converterse en todo un problema para GAME.
En calquera caso non parece intelixente cobrar pola proba dun produto nas tendas, porque a proba antes da compra pode supor unha importante vantaxe para o establecemento, que reducirá así un importante número de devolucións que previsiblemente se producirían aos poucos días da compra do produto por parte de moitos usuarios insatisfeitos aos que compensa disuadilos antes dunha transacción incompleta que ocasione gastos para ambas partes.

PUBLICIDADE