GALPon pon en probas a beta primeira de MiniNo Queiles 3.0

martes, 19 de xaneiro do 2016 Redacción

A asociación GALPon vén de habilitar a versión de probas (beta 1) do sistema en desenvolvemento MiniNo Queiles 3.0. A versión está xa descargábel dende o portal de MiniNo con formato de imaxe ISO e ficheiro MD5 para quen queira probar as novidades que pon en xogo e “informar de calquera cuestión ou problema que se detecte”. Precisamente entre os elementos que introduce a versión atópase a instalación de Cronopete, ferramenta destinada a paliar unha posíbel perda de información no disco duro. “Tendo en conta que as máquinas obxectivo desta distribución adoitan seren bastante vellas é frecuente que teñamos temor á perda de datos por seren o disco tamén moi vello”, advirten dende GALPon.
Segundo engaden, Cronopete é un programa “moi sinxelo” para realizar copias de seguridade do noso cartafol persoal. E explican: “Trátase dunha ferramenta semellante a Time Machine de Mac e ten unha interface moi simple”. Na pantalla principal atoparemos información sobre a última copia de seguridade realizada con Cronopete e a vindeira copia programada para realizar coa aplicación. A aplicación xestiona as copias de seguridade do sitio /home podendo eliminar da copia de seguridade algúns cartafoles que non queiramos que se copien.
Amais disto, a versión de probas de MiniNo Queiles 3.0 inclúe a novidade de instalar “unha potente ferramenta de ordes de consola”, Inxi, que posibilita extraer datos doados de entender sobre o hardware, a configuración e o software instalado no equipo.
Lembrar que MiniNo Queiles 3.0 é un novo paso ao abeiro de GALPon MiniNo, unha distribución de GNU/Linux creada para executarse en equipos con poucos recursos hardware ou obsoletos (até 10 ou 12 años de antigüidade). Da mesma raizame xurdiu tamén PicarOS, distribución multipropósito enfocada ao ensino e concibida como un sistema lúdico para nenas e nenos de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.

PUBLICIDADE