GALPon organiza unha conferencia sobre as Mulleres no Software Libre

mércores, 7 de setembro do 2011 Redacción

Miriam Ruíz nunha conferencia sobre o ciberfeminismo

O Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon) organiza o vindeiro 19 de outubro no Salón de Graos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo unha conferencia de Miriam Ruíz titulada Mulleres no Software Libre, no que a enxeñeira, editora de Barrapunto (un dos blogs máis coñecidos en español) e desenvolvedora da distribución de GNU/Linux Debian afondará nun contorno no que está moi involucrada, xa que participa activamente no proxecto Debian Women e en grupos como LinuxChix, Ubuntu-Women, WikiChix, ChicasLinux, Indymedia Women e Systers. A actividade realízase ao abeiro do convenio de colaboración asinado polas asociacións galegas de usuarios de software libre coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia.
Miriam Ruíz leva tempo defendendo o papel da muller no desenvolvemento das TIC, sostendo que a historia Informática está chega de mulleres relevantes como Ada Lovelace (considerada como a primeira persoa en programar), Grace Murray Hopper (pioneira nos compiladores) ou as esquecidas programadoras do ENIAC.

PUBLICIDADE