Fundetec presenta aos finalistas dos seus Premios Nacionais eFactura

xoves, 26 de xuño do 2008 Raquel Noya

A entidade Fundetec vén de dar a coñecer hoxe os nomes dos finalistas que optan aos Premios Nacionais eFactura, promovidos por esta fundación co obxectivo de darlle pulos ó emprego da factura electrónica e recoñecer o labor daqueles que desenvolven solucións e plataformas de servizos que favorecer a súa integración nas pequenas e medianas empresas.
As dúas categorías establecidas na presente edición deste galardón son: Mellor solución software de factura electrónica para PEMES e Mellor plataforma de servizos de facturación electrónica e as empresas que o xurado escolleu como finalistas para optar ao premio son: Albalia interactiva, Voxel e Zerocoma para a primeira das categorías e La Caixa, ETICOM e Telefónica para a segunda.
Os criterios de valoración que terán en conta os encargados de escoller á empresa máis meritoria do premio serán, entre outras cousas, a orixinalidade, a novidade, a creatividade e o enxeño da solución ou plataforma presentada; a calidade do produto e os seus servizos adicionais; o deseño e empregabilidade do mesmo; os beneficios para o usuario; o custe; a interoperatibilidade de formatos e a integración con outras solucións de xestión empresarial.
Asemade, o xurado entregará o Premio á mellor iniciativa de promoción e difusión da factura electrónica, que recoñecerá o labor dunha entidade público ou privada orientada a darlle pulo á implantación da e-factura entre as empresas españolas.
Os gañadores daranse a coñecer nun acto público que terá lugar o vindeiro mércores día 2 de xullo no salón de actos do Museo Thyssen Bornemisza de Madrid, ao que asistirá o subdirector xeral de Empresas da Sociedade da Información do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, Víctor Izquierdo.

PUBLICIDADE