Free-hotspot.com supera os 3.000 puntos de acceso en Europa (182 en Galicia)

luns, 26 de maio do 2008 Marcus Fernández

A meirande rede Wi-Fi de balde a nivel mundial, free-hotspot.com, anunciou que xa supera os 3.000 hotspots en 18 países europeos, polo que achegan conexión á Rede sen fíos a máis de 500.000 persoas cada mes.
O presidente da compañía, Daniel C. Toomey, Jr., comentou que «en tan so dous anos establecimos a meirande rede Wi-Fi de balde de Europa, contribuimos ao lanzamento da rede metropolitana máis grande de Europa e introducimos unha grande cantidade de servizos innovadores e gratuítos, tales como a asistencia técnica gratuíta, unha liña telefónica de balde para a busca de puntos de acceso, así como o primeiro anuario profesional de HotSpots gratuítos certificados».
A empresa pretende continuar o seu ritmo de crecemento durante 2008, e aínda que a meirande parte dos seus puntos de acceso estean en hoteis, tamén os levan a outros sectores coma cafeterías, pubs ou restaurantes onde o Wi-Fi de balde se converte nun valor engadido coma podería ser o aire acondicionado, e non se limita a grandes capitais europeas, senón que esta rede sen fíos tamén conta cuns 182 puntos de acceso en Galicia.

PUBLICIDADE