FlexPai 2: Royole presenta o seu segundo smartphone encartable

martes, 22 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Hai un par de anos Royole quixo chamar a atención presentando un smartphone con pantalla encartable, o FlexPai, para así adiantarse ao Samsung Galaxy Fold, aínda que o anuncio foi moi pouco honesto, xa que o produto non era máis que un prototipo dirixido a desenvolvedores, que nas feiras onde deixou verse fracasou estrepitosamente chegando a rachar nas mans dos xornalistas que puideron probalo, demostrando o complexa que é a tecnoloxía de pantallas encartables.
Finalmente o produto conseguiu saír á venda en China, e agora presentan a súa segunda xeración, o FlexPai 2, un smartphone 5G con pantalla OLED encartable que queda no exterior do dispositivo cando está pechado, e que este venres sairá á venda con 8 Gb de RAM e 256 GB de almacenamento a un prezo de 9.988 iuans (1.258 euros), aínda que máis adiante tamén haberá un modelo con 12 GB de RAM e 512 GB de almacenamento por 11.588 iuans (1.460 euros). Temos así un produto máis económico que os seus equivalentes de Samsung e Huawei, aínda que con moita menos confianza no seu funcionamento (especialmente a nivel de software) e na súa calidade de fabricación.
O FlexPai 2 funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 865, a súa pantalla principal de 7,8 polgadas ten unha resolución de 1.920 x 1.440 píxeles que ao encartarse convértese nunha pantalla secundaria de 5,5 polgadas cunha resolución de 1.440 x 900 píxeles e unha pantalla secundaria de 5,4 polgadas cunha resolución de 1.440 x 900 píxeles. Integra 4 sensores de cámara (cun sensor principal de 64 Mpíxeles), altofalantes estéreo, batería de 4.450 mAh con carga rápida de 18 watts, un peso máis que considerable (339 gramos) e sistema operativo waterOS 2.0 (baseado en Android 10).
Estamos ante un produto interesante que, aínda que ten todas as cartas para ser irrelevante comercialmente, confirmaría que é posible facer móbiles encartables a prezos máis asumibles, o que podería axudar a facer máis dinámico este segmento de mercado.

Vídeo da presentación do FlexPai 2

PUBLICIDADE