Firefox superou esta fin de semana a cifra de 1.000 millóns de descargas

luns, 3 de agosto do 2009 Fernando Sarasketa

O éxito do navegador Firefox está a cumprirse, con algunha que outra sorpresa, paso por paso. En boa maneira, case é coma se o éxito mesmo tivese unha folla de ruta previa establecida, tales son as previsións que finalmente deron no branco. Unha delas é a que fai referencia ao número de descargas da máis recente versión da ferramenta, a 3.5, que a mediados de xullo ía polos 30 millóns. Ou tamén: os prognósticos que situaban a nova achega de Mozilla como preferencia indiscutible dos internautas europeos. Amais, o que estaba máis ou menos claro é que a última (que non a derradeira, posto que xa se está a avanzar o que incluirá a versión 3.6) actualización do navegador libre ía contribuír a acadar cifras récord dentro do mesmo seo da ferramenta e dende a orixe da mesma. Con todo, houbo marxe para a sorpresa, e mesmo dentro da propia Fundación Mozilla, responsable do desenvolvemento.
Segundo informa esta comunidade dende unha web habilitada para agradecer a contribución dos internautas e dos desenvolvedores, durante a fin de semana que vimos de deixar atrás superouse a liña das 1.000 millóns de solicitudes de Firefox.
Esta cifra abrangue as descargas totais dende que saíu a disposición da comunidade internauta a primeira das versións do programa hai agora un lustro. “Estamos sorprendidos por estar celebrando os mil millóns de descargas de Firefox”, sinalan os responsables da ferramenta na dita web, e engaden: “Isto significa que mil millóns de veces nos últimos cinco anos ti e o resto da comunidade Mozilla elixistes mellorar Internet”. Sinalar ademais que a día de hoxe a cifra de usuarios e usuarias Firefox rolda os 300 millóns.

PUBLICIDADE