Final Fantasy XVI chega a PlayStation 5

xoves, 22 de xuño do 2023 Marcus Fernández

Square Enix pon á venda hoxe o seu agardado xogo Final Fantasy XVI, nova entrega independente desta grande franquías, que pode adquirirse para consolas PlayStation 5, e que sería o primeiro xogo de rol de acción puro desta mítica serie, combinando un sistema de combate dinámico con acción en tempo real e elementos de rol para proporcionar unha experiencia de xogo amplísima e emocionante.
O xogo foi desenvolvido pola Creative Businet Unit III, equipo liderado polo produtor Naoki Yoshida (responsable do éxito de Final Fantasy XIV Online) que como obxectivo marcou a creación dun xogo de Final Fantasy apto para xogadores de todas as idades, e que poida gustar tanto aos seareiros da serie como os que a descoñezan.
Outra curiosidade do xogo é que integra palabras clave que están accesibles en calquera momento, achegando información sobre o mundo e os personaxes que aparecen en pantalla ou cos que vimos de tratar. Hai máis de 2.800 entradas que afondan en Valisthea e os seus habitantes.
Aparte do xogo en edición estándar e de luxo, na PlayStation Store tamén está dispoñible para a súa descarga a versión de demostración, que dá acceso ao prólogo do xogo, afondando nas aspiracións e obxectivos de Clive Rosefield, quen tras unha traxedia inicia un camiño de vinganza. Os avances da demo poderanse trasladar ao xogo completo.

PUBLICIDADE