Filmotech.com renóvase e aposta forte polo streaming

luns, 9 de marzo do 2009 Raquel Noya

O portal Filmotech.com, inaugurado en 2007 co firme obxectivo de permitir descargas legais de películas e de ofrecer unha alternativa eficaz fronte á pirataría, vén de renovar o seu servizo ofrecendo unha nova sección de descarga de contidos, a través da cal, os usuarios poden acceder a máis de mil obras audiovisuais do seu catálogo por menos de 2 euros (1,74 euros) cada unha.
Esta nova versión de Flmotech responde, segundo os seus máximos responsables, “á necesidade de incorporar as últimas tendencias no consumo de Internet” así como á intención de adaptarse ás suxestións que os propios usuarios lles facían chegar.
O novo servizo, que é compatible con tódolos navegadores e sistemas operativos (tanto Windows como Linux ou Mac, entre outros), ofrécelle aos internautas a posibilidade de gozar do “cine á carta”, ou VOD (Video on Demand), dende calquera ordenador e permite o visionado das descargas efectuadas (películas, curtas, documentais, series de animación…) durante un total de 24 horas, podendo velas as veces que se desexe.
Baixo o lema, O teu cinema a un clic, Filmotech ofrece máis de mil títulos de todos os xéneros do cine español (máis do 60 por cento do total), europeo, estadounidense e asiático que, nalgúns casos, non é doado atopar noutras plataformas.
Porén, os usuarios da web, que non precisan estar rexistrados para descargar os contidos que desexen visualizar, poden acceder a case todo tipo de cintas de xeito doado e realizar o pagamento mediante a modalidade que mellor lle conveña, podendo escoller entre catro: a través dunha mensaxe de texto (sms), dunha chamada a un 905, con tarxeta de crédito ou mediante a plataforma de pagamento PayPal.
Asemade, Filmotech.com ofrécelle aos seus usuarios a posibilidade de escoller entre dúas calidades de visionado, 400 e 700 Kbps, en función do largo de banda do que dispoña, así como realizar unha proba práctica para comprobar cal das dúas é a máis conveniente.
No caso das curtametraxes, o servizo oferta un paquete de tres filmes ao mesmo prezo que o resto de contidos (1,74 euros) e tamén lle ofrece ao usuario a devandita elección de calidade de visionado que máis lle conveña en cada caso.
A nova versión da web ofrece pois, entre outras cousas, un Modelo Streaming de visionado, compatibilidade con tódolos sistemas operativos, un maior catálogo de películas que medra progresivamente a un ritmo de 40 títulos ao mes, unha nova imaxe máis sinxela e navegable, novas modalidades de pagamento e maior diversidade de contidos para o deleite dos seguidores do cine de calidade.

PUBLICIDADE