Fernando Suárez, presidente dos Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática de España

luns, 2 de outubro do 2023 S. P.

Fernando Suárez, presidente do CPEIGO Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática de España vén de anunciar quen será o presidente do CCII durante os próximos catro anos, trátase do galego Fernando Suárez, quen salientou nas eleccións á xunta de goberno do Consello Xeral dos ditos Colexios. Así, logo da asemblea extraordinaria celebrada o sábado 30 de setembro na sede da Real Academia de Enxeñaría, a candidatura de Suárez impúxose por unha ampla maioría.
Suárez, natural de Ferrol, é licenciado en Informática pola Universidade da Coruña e foi o presidente do CCII durante os últimos catro anos. Con anterioridade fora o vicepresidente. Tamén ocupa o cargo de director da área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense. Asemade, é o actual presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.
Na candidatura, acompañando a Fernando Suárez, atópanse representantes do groso dos Colexios Autonómicos: Juan Pablo Peñarrubia (COIICV) continuará como vicepresidente primeiro, mentres que Karina Gibert (COEINF) será a vicepresidenta segunda. José García Fanjul (COIIPA) repite como secretario; Ambrosio Rodríguez (COIICLM) será vicesecretario e Jacinto Canles (CPIICyL) será o tesoureiro. Como vogais, nesta Xunta de Goberno, atópanse: Ignacio Lasheras (CPIIR),Eugenio Picón (CPIICM), Álvaro do Álamo (COIICAN), Virginio García (CPIIRM), JuanArrúe (COIIE) e Alejandro Blasco (COIICV). Os vogais suplentes serán Irene Cid (COIIPA), Francisco Javier Rodríguez (CPEIG), Nuria Castell (COEINF), Juan Turmo (CPIIAR), Juana Perea (COEIB) e Juan Jambrina (CPIICyL).
Suárez subliña como grandes logros acadados ao longo do últimos catro anos de mandato: “a creación dos Premios Nacionais de Enxeñaría Informática, a creación dunha comisión bilateral coa Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial para avanzar na regulación da profesión ou ser unha voz cada vez máis presente e autorizada en medios de comunicación en materia de tecnoloxía”.
Outro dos puntos fortes foi a presenza nas institucións e os acordos con distintas organizacións. “Despois de moitos anos de reivindicacións e traballo, fomos capaces de ter unha praza no Consello Asesor de Transformación Dixital da SEDIA, e que tamén seremos claves na futura Axencia Europea de Supervisión da Intelixencia Artificial. Logramos acordos coa AEPD, INCIBE, UNE... moitas organizacións que potencian o valor da profesión e a capacidade dos nosos profesionais”, expón Suárez.
De cara a este novos catro anos á fronte do CCII, desde a nova Xunta de Goberno buscarase a creación do Consello de decanos-presidentes, o impulso da figura de “colaborador nacional da Xunta de Goberno CCII” ou o mantemento e reforzo das áreas de traballo en distintos ámbitos como a regulación, as relacións institucionais ou a ética profesional.
No caso galego, un dos grandes retos é “contar con presenza feminina con Karina Gibert como vicepresidenta e con mulleres como Juana Perea -presidenta do Grupo de Mulleres en Enxeñaría Informática-, Nuria Castell ou Irene Cid”.

PUBLICIDADE