Fene ofrecerá Internet sen fíos no seu territorio

martes, 26 de abril do 2011 Raquel Noya

Algunhas vilas e concellos galegos semellan estar a tomar conciencia da importancia de ter unha boa conexión á Rede nos seus núcleos (por enriba incluso de ter boas estradas e accesos físicos) e paseniñamente están a implantar redes Wi-Fi para o seu uso público por parte da veciñanza.
É o caso de Cee e Redondela, vilas das que falamos hai escasamente un mes por implantar a devandita tecnoloxía no seu rural, ás que agora se lle suma tamén Fene, o Concello coruñés que vén de instalar nove puntos de acceso a Internet sen fíos na súa contorna.
Trátase dunha rede Wi-Fi á que se poderá acceder de balde nos vindeiros días, tal e como sinala o alcalde socialista Iván Puentes no xornal La Voz de Galicia. Este Concello instalou distintas antenas espalladas polo seu territorio, coas que dará servizo de Internet a toda a veciñanza que o desexe, segundo informan no devandito xornal, “sen pagar un só euro”.
O sistema, que contou cun investimento de 130.000 euros sufragados con cargo ao Plan E do 2010, está en fase de probas e xa se pode usar dende a praza do concello, o parque Castelao, a praza da Cooperación, San Valentín e a praza Verde de Perlío; así como nas zonas rurais de Sillobre, Magalofes, Barallobre, Maniños e Limodre.

PUBLICIDADE