Feijoo destaca o esforzo da Xunta no estímulo do audiovisual galego

martes, 22 de decembro do 2009 Redacción

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, reiterou hoxe a aposta do Executivo autonómico por un sector audiovisual galego «máis forte e competitivo» que contribúa ao desenvolvemento cultural e económico da comunidade, que afronte os novos desafíos e encare o futuro «con ilusión e imaxinación». Así o subliñou esta noite, durante o acto de entrega dos premios Chano Piñeiro, que nesta ocasión recaeron na actriz María Bouzas, no director e realizador Xavier Villaverde e que tamén recoñeceron a traxectoria de dous persoeiros xa ausentes: José Luis Cabo Villaverde e o cineasta Carlos Velo Cobelas.
Na súa intervención, o mandatario autonómico lembrou que desde a aprobación, hai xa unha década, da Lei do Audiovisual de Galicia, se ten avanzado moito neste ámbito, «pese a quedar tamén moito por facer» lembrando que o propio texto «xa contemplaba a creación dun organismo único, transversal, coordinador de actuacións e intereses que na propia lei ten o nome do Consorcio Audiovisual de Galicia, en activo desde 2003 e a pleno rendemento», explicou o presidente da Xunta. Incidiu, non obstante, en que «haberá que reestruturalo e potencialo. (..) Pero queremos facelo ben, sen présas, para atinar co mellor nun sector que está a dar moitos e bos froitos para a estima e satisfacción de todos os galegos».
O presidente galego incidiu, ademais, nas iniciativas postas en marcha pola Xunta, como as axudas á produción ou a promoción das primeiras axudas á comercialización audiovisual, a través do Consorcio Audiovisual de Galicia, unha institución, dixo, «que non deixou de facer xestión como tampouco o centro Galego de Artes da Imaxe, do que promovemos unha descentralización gradual das súas actividades».
Do mesmo xeito, resaltou o papel da Televisión de Galicia como primeiro «motor do audiovisual galego», co compromiso engadido, sinalou, «de exercer como a gran dinamizadora dos produtos galegos diante da audiencia do país e máis para a audiencia exterior a través da TDT».

PUBLICIDADE