FEUGA organiza un curso para implantar sistemas de vixilancia tecnolóxica

luns, 23 de xuño do 2008 Raquel Noya

A Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA) segue a desenvolver (durante todo o mes) as súas actividades formativas dirixidas a diferentes sectores da poboación organizando desta volta un novo curso que analizará os medios e canles dos que dispón unha empresa para a identificación de novas oportunidades de medre de negocio nas mesmas.
Esta xornada, dirixida a directivos e xerentes de empresas, persoal docente e investigadores, mostrará a metodoloxía máis fiable para comprender a evolución do entorno a través, por exemplo, da análise dos competidores, da escoita dos clientes, da identificación dos mellores socios e aliados ou da detección da aparición de novas tecnoloxías, normas ou lexislacións.
O curso Cómo implantar un sistema de vixilancia tecnolóxica, desenvolverase os vindeiros días 24, 25 e 26 de xuño na sede da Fundación en Santiago e o seu obxectivo principal será dotar ás empresas interesadas das mellores ferramentas que lle permitan diagnosticar a súa situación tecnolóxica e innovadora así como identificar novas oportunidades de negocio.
Terá 21 horas de duración e desenvolverase en horario de mañá e tarde (de 09:30 a 14:30 e de 16:00 a 19:00 horas).
Os interesados poden ampliar información sobre esta e outras xornadas vindeiras na web oficial da Fundación así como a través do teléfono 981 534 180.

PUBLICIDADE