Expertos internacionais en innovación audiovisual toman este xoves Compostela

mércores, 8 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

A partir deste xoves 9 de xullo, Santiago converterase nun dos grandes espazos de debate do ámbito galego e toda a súa contorna acerca do audiovisual do futuro, que é practicamente o mesmo que debater sobre ferramentas dixitais ao servizo da creación, a promoción e a distribución audiovisual. As actividades do foro Novos Medios e Contidos Audiovisuais (NovoMed 09), organizado por AGAPI, desenvolveranse na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. A xuntanza, que contará coa presenza dalgúns dos expertos máis salientables en innovación audiovisual de todo o continente, conta coa patrocinio da Consellería de Economía e a colaboración de EGEDA e a propia Universidade. O foro está dirixido aos profesionais de produtoras, distribuidoras e axentes de vendas, así como a estudantes. A inauguración está prevista para as 9.30.
Para facérmonos unha idea de quen participa, dicir que está prevista presenta de, entre outras, as seguintes empresas e entidades: Bren Entertainment, Continental Games, Youtube, Fox Channels, Vértice 360º, Enxebre Entertainment, Antena 3, Telefónica, Orange, a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Xunta de Galicia, o IGAPE, Televisión de Galicia, TV3, ICAA (Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais), Impulsa TDT, e o Instituto de Crédito Oficial (ICO). Xuntas e por separado, as devanditas entidades, organizacións e compañias debuxarán o camiño de evolución do sector audiovisual, nos seus novos contidos, formatos e soportes.
O programa centrarase na televisión dixital (TDT), o novo marco regulador do sector audiovisual, os contidos multiplataforma, a animación dixital e os videoxogos e a rendibilidade do negocio audiovisual. Os asistentes poderán coñecer aos responsables das empresas máis innovadoras e dos novos modelos de negocio do sector audiovisual.

PUBLICIDADE