Éxito de participación no I Iniciador Coruña

sábado, 25 de abril do 2009 Marcus Fernández

Xosé Ramón García falou da súa experiencia empresarial ante emprendedores de toda Galicia

O ITE Caixa Galicia acolleu esta tarde o primeiro encontro de emprendedores da división galega de Iniciador, cunha impresionante resposta de público, que superou todas as previsións da organizacións, pois acudiron ducias de persoas de toda a xeografía galega, entre as que había tanto emprendedores con empresas tecnolóxicas como profesionais do sector que estaban pensando en abandonar a seguridade de traballar por conta allea para emprender o seu propio negocio.
Como eixe do encontro estaba un relatorio de José Ramón García, presidente de Blusens, quen contou a historia da súa compañía e os retos que tiveron que superar para converterse nun referente tecnolóxico na nosa comunidade, insistindo na globalización, e a irrelevancia que ten nunha escala global a situación xeográfica dunha empresa, para ilustrar que dende Galicia tamén é posible iniciar proxectos a grande escala.
Trala intervención de García, os asistentes continuaron o encontro de xeito máis distendido, intercambiando impresións e experiencias entre eles, o que serve para aprender as máis valiosas leccións dunha persoa que queira facer empresa en Galicia, pois coñecerá de primeira man o que se está a facer actualmente, así como os pasos a seguir na súa aventura.
A organización das xornadas (composta por David Pombar e María Encinar) pretende darlle continuidade, alternando os encontros entre as distintas cidades galegas.

PUBLICIDADE