Éxito de acollida da distribución Ubuntu da Universidade de Santiago

venres, 6 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

A Oficina de Solfware Libre da Universidade de Santiago de Compostela vén de subir un novo chanzo na aposta polo espallamento da distribución de GNU/Linux Ubuntu. A iniciativa de aplicación do paquete Ubuntu-USC (así se coñece á devandita distribución acompañada dos paquetes propios da Oficina) centrouse nun principio en centros como a Facultade de Ciencias da Educación, pero o nivel do produto achegado (e da resposta dada por profesores, técnicos e estudantes) foi tal, que os programas se están a estender cara a outros departamentos da USC.
Un destes centros é a Escola Técnica Superior de Enxeñería, onde se procedeu á actualización dos seus sistemas, que antes operaban con configuración propia de Debian GNU/Linux. Segundo contan a Oficina e o Centro Mancomún, a posta en marcha do novo paquete na ETSE é meritoria por partida dupla, pois estamos a falar dun centro especialmente esixente en canto á plataforma técnica empregada polos seus estudantes.
Con esta incorporación ao conxunto de centros que empregan Ubuntu-USC, sinala a Oficina de Software Libre da USC, achégase a 500 o número de equipos instalados e en funcionamento, e case aos 2000 estudantes que as empregan. “Centros como a ETSE achegan tanto usuarios coma persoal de soporte cun nivel de excelencia técnica que nos fan prever unha continuidade no uso e desenvolvemento desta ferramenta”, engaden.

PUBLICIDADE