Evento Blog España reunirá en Sevilla a máis de 200 bitacoreiros

martes, 17 de outubro do 2006 Raquel Noya

Os vindeiros días 17, 18 e 19 de novembro terá lugar en Sevilla a primeira edición do Evento Blog España, unha xuntanza de ámbito nacional que servirá para analizar a evolución do fenómeno dos cadernos persoais en liña. O equipo organizador (asociación do mesmo nome) ten previstas unha serie de conferencias nas que intervirán os blogueiros máis salientables a nivel español (e do estranxeiro) grazas ós cales tentaranse difundir os detalles e (tamén) as xeneralidades do imparable efecto bitácora ó resto da sociedade. Evento Blog España servirá asemade para analizar polo miúdo temas coma blog e empresa, blog, política e administración, blog e tecnoloxía, blog e ética ou blog e xornalismo. Tamén se darán a coñecer algunhas actividades de emprendedores que basean as súas iniciativas no emprego de cadernos persoais en liña. As estatísticas son moi favorables a este recurso en Internet e xa se barallan cifras de até 100 millóns de blogs creados no mundo, dos que 3 millóns teñen o seu xermolo en España. Queda pois patente a auxe deste xeito de comunicación, polo que os organizadores agardan a asistencia de 200 persoas procedentes de distintas zonas de España.

PUBLICIDADE