Eurogamer deixa de puntuar os xogos nas súas análises

martes, 10 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Puntuar a calidade dos videoxogos é unha práctica nunha ausente de polémicas, que chega a incluso a afectar economicamente aos desenvolvedores (moitas compañías pactan primas en función da puntuación media acadada en Metacritic) pese a que os profesionais que realizan as análises non están conformes en que moita xente crea que se pode resumir o balance xeral dun título nun simple número, e precisamente por iso a principal páxina de videoxogos do Vello Continente, Eurogamer, decidiu desbotar as puntuacións das súas análises, comezando polo xogo The Legend of Zelda: Majora’s Mask 3D.
O xogo para Nintendo 3DS mencionando non consegue así unha puntuación dun 8 sobre 10, senón que recibe un selo de Recommended, que indicaría que estamos ante un xogo de alta calidade, e que pode mercarse con tranquilidade, sen chegar a ser unha obra mestra, que en tal caso recibiría o selo de Essential, o que limitaríase a uns poucos imprescindibles cada ano. Os xogos mediocres non estarían destacados de ningún xeito, por ter eivas nalgún aspecto (por exemplo, se un xogo ten uns gráficos fermosos pero é incómodo de xogar ou se un xogo deportivo vén a ser unha simple repetición da edición do ano anterior pasaría a figurar nesta categoría). Pero o máis salientable deste novo xeito de valorar os xogos é que agora haberá un indicativo de Avoid para xogos especialmente malos, que teñan carencias notables que fagan que xogar aos mesmos poida resultar frustrante por estar rotos ou ser simplemente de pouca calidade.
Dende Eurogamer consideran que as puntuacións xa non teñen sentido hoxe, pois pode levar a confusións e contradicións. Por exemplo, un xogo con grandes gráficos e un acabado técnico excelente pode ter serios problemas de rede, de xeito que o seu modo multi-xogador sexa realmente lamentable, polo que teriamos que un xogo en si excelente non podería recomendarse, ao igual que un xogo cun modo multi-xogador moi fluído podería ter unha narrativa demasiado rudimentaria.
Precisamente por iso unha das cousas que farán a partires de agora en Eurogamer é só publicar análises de xogos en liña despois do seu lanzamento (xa que moitos títulos funcionan perfectamente até que teñen que enfrontarse a infinidade de conexións simultáneas que poden frustrar completamente a experiencia de xogo), mentres que para facilitar as decisións de compra si publicarán unhas primeiras impresións. Temos así que as análises corresponderán sempre aos produtos finais, e non ás copias preliminares para a prensa.
Tamén anuncian que a súa intención será evitar actualizar as análises dos xogos, de xeito que só procederán a un re-análises cando un xogo mude de xeito tan radical como para xustificalo. Ou sexa, que prefiren facer unha nova análise a revisar un artigo anterior, por considerar que este tipo de parches non resultan de utilidade para os lectores.

PUBLICIDADE